Palestra: Experiencias contra o G20

Data: 
Fri, 12/10/2018 - 20:00
Local: 
Ateneo Libertario Xosé Tarrío - Rúa Gil Vicente 17 - A Coruña

"Os días 7 e 8 de xullo de 2017, a cidade alemá de Hamburgo foi o escenario escollido polo G20 (o grupo composto polos gabinetes de Estado dos 20 países máis poderosos e "desenvoltos" do mundo) para a súa enésima cumbre, na que continuar artellando e profundizando nas súas políticas neoliberais de explotación e miseria. Activistas anticapitalistas chegades de diferentes países mobilizáronse en resposta durante 3 días de intensos enfrontamentos coa policía e actos descentralizados de bloqueo, desobediencia civil, sabotaxe e manifestacións. A represión durante os días da cumbre e tamén durante os meses que seguiron foi brutal, con centos de persoas detidas (algunhas aínda na cadea e moitas outras en "liberdade" agardando xuízo onde arriscan varios anos de prisión) e rexistros a vivendas e espazos políticos coordinados polos corpos policiais internacionalmente. No Estado español sabemos que os madeiros entraron nas vivendas de varios compañeiros na cidade de Madrid.

Agora, un ano despois, dúas compañeiras que no pasado verán viaxaron a Hamburgo estarán connosco para falarnos das súas experiencias e das súas perspectivas sobre aquela revolta e o que supuso pero non para idealizar ou mitificar os espectáculos do "contracumbrismo", predecibles e sempre determinados no calendario polas axendas políticas do inimigo. Polo contrario, a intención é achegar un balance colectivo do que significaron aquelas protestas, e así entender a loita contra o G20 en Hamburgo coma un destello máis dunha guerra social que non rematou alí, que continúa en todas partes, todos os días, e da que tamén somos parte.

As datas e lugares das palestras serán as seguintes:

- Venres 12 de outubro ás 20:00 - Ateneo Libertario Xosé Tarrío (Rúa Gil Vicente 17, A Coruña)
- Sábado 13 de outubro ás 20:00 - Centro Social Autoxestionado do Sar (Rúa Curros Enríquez 28, Compostela)

Haberá cea vegana para axudar a sufragar os gastos de desprazamento das compañeiras.
Vémonos alí!

Organizan: Anarquistas solidarias coas represaliadas contra o G20"

evento: https://www.facebook.com/events/1962971353745620/