[Grecia] Carta dalgúns anarquistas presos no cárcere de Korydallos en solidariedade coa loita dos presos e presas políticas palestinas

Tiramos e traducimos de La Rebelión de las Palabras (que tira e traduce ao castelán desde a versión en inglés que atopou en Insurrection News) esta carta que algúns anarquistas gregos presos no cárcere de Korydallos elaboraron e publicaron en solidariedade coa loita dos e das presas políticas palestinas, que atópanse no medio dunha nova folga de fame desde mediados do pasado mes de abril.

As loitas das presas políticas palestinas están inextricablemente conectadas coa totalidade da loita do pobo palestino. O 70% das familias palestinas teñen polo menos un membro que foi encarcerado por actuar contra o Estado de Israel. Un 20% da poboación total foi encarcerada polo menos unha vez na súa vida mentres que de acordo a outras estimacións o 40% da poboación masculina foi encarcerada nalgún punto da súa vida nos últimos 30 anos.

Outra manifestación reveladora da situación que as loitadoras palestinas atopan por elas mesmas mentres están dentro das prisións israelís é o feito de que ata 1999 a “tortura leve” durante os interrogatorios era considerada unha práctica lexítima pola lei. Esas torturas incluian – entre outras – privación do soño, inmovilización corporal nunha postura incómoda, música alta, exposición a temperaturas extremas de calor ou de frío, colocación de trapos pestilentes sobre a cara etc. En 1999 a Corte Suprema de Israel confirmou que en certos casos estas prácticas eran ilegais e por tanto impuxo algunhas restricións. Estas restricións, con todo, non excluíron como ilegal a alimentación forzosa, de acordo ás disposicións da ONU.

O 1 de maio de 2000, case 1000 das 1650 presas políticas palestinas participaron nunha folga de fame a gran escala que durou un mes, demandando mellores condicións de vida, mellor trato dos gardas, visitas das súas familias, abolición do confinamento solitario, acceso a coidados sanitarios e a liberación das presas políticas. Durante as manifestacións de solidarias 7 palestinas perderon as súas vidas mentres que ao redor de 1000 resultaron feridas. Mentres tanto, 60 israelís foron feridas tamén. No 31 dese mesmo mes o goberno de Israel satisfixo algunhas das demandas.

En febreiro de 2012 ao redor de 1800 presas políticas palestinas comezaron unha folga de fame contra o réxime de detención administrativa. É dicir, encarceramento sen probas para apoiar ningún cargo, sen acusacións específicas, sen xuízo e sen evidencias, o que significa que permanecerán detidas durante unha cantidade indefinida de tempo por orde da autoridade militar de Israel. Das 4500 presas en total, 310 permaneceron en prisión baixo o status de detención administrativa. Entre as súas demandas estaba a posibilidade de familiares que residisen en Gaza para que puidesen visitar aos seus parentes en prisión – un feito que era imposible xa que, como residentes, non tiñan permitido polo Estado de Israel abandonar Gaza -, o fin do confinamento solitario e a liberdade daquelas mantidas presas baixo detención administrativa.

O 24 de maio do mesmo ano e despois dunha folga de fame de varios días, as loitadoras lograron chegar a un acordo co Estado de Israel, que se comprometeu a levar a duración máxima da detención administrativa ata os 6 meses se entre medias non era proporcionada suficiente evidencia. Ademais, as visitas familiares estendéronse e aquelas en confinamento solitario volveron aos bloques regulares.

Hoxe, 1500 presas políticas palestinas estiveron en folga de fame desde o 17 de abril e o seu número espérase que creza ata as 2000 nos próximos días. Unidas nunha fronte de batalla común e a pesar das súas disputas e enfrontamentos internos, membros de Fatah, Hamas, PFLP e a Jihad Islámica participan nunha loita común como presas políticas. As súas demandas aseméllanse ás daquelas das mobilizacións anteriores e teñen que ver co acceso das prisioneiras ás telecomunicacións e coa colocación de teléfonos de pago en cada bloque, en particular. Tamén demandan que teñan visitas dos seus parentes, que deben conseguir un permiso para entrar aos territorios ocupados – as solicitudes para eses permisos son xeralmente rexeitadas e as visitas son, en realidade, imposibles, xa que as prisións atópanse dentro dos territorios ocupados. Finalmente, demandan acceso a asistencia sanitaria, a abolición da detención administrativa e a abolición do confinamento solitario.

O Estado de Israel ata agora reaccionou con traslados non notificados de prisioneiras e a súa posta baixo confinamento solitario.

Nós, como prisioneiros anarquistas nas prisións gregas, só podemos unir as nosas voces coas voces das loitadoras palestinas. Ademais da nosa solidariedade directa e incondicional contra as forzas da imposición, coa forza de ondas e coitelos contra a forza de bombas e tanques, a forza das oprimidas contra a forza da brutalidade do Estado, a forza do pobo palestino contra a forza do Estado de Israel, expresamos tamén que aínda temos outra razón para apoiar todo acto de resistencia contra o Estado de Israel. A tecnoloxía de vixilancia, o saber-facer do Apartheid, o réxime de excepción, o entrelazamento da marxinación social e política, a imposición dun control militarizado sobre poboacións enteiras, a detención administrativa – que fai de Europa un instrumento de xestión da migración – e a realidade distópica xeral que o Estado de Israel impón ao pobo de Palestina constitúen un compás para os que están no poder, así como un experimento que o resto dos Estados eventualmente serán chamados a implementar noutros lugares.

Vitoria para a loita das presas políticas palestinas!
Vitoria para as armas da resistencia palestina!

Andreas-Dimitris Bourzoukos,
Antonis Stamboulos,
Argiris Dalios,
Dimitris Politis,
Fivos Harisis,
Giannis Michailidis,
Giorgos Karagiannidis,
Grigoris Sarafoudis,
Tasos Theofilou

Prisión de Korydallos, Atenas

https://abordaxe.wordpress.com

Comentários

Submeter um novo comentário

O conteúdo deste campo é privado e não irá ser exibido publicamente.
CAPTCHA
Esta pergunta serve para confirmar se és uma pessoa ou não e para prevenir publicaçãos automatizadas