COMUNICADO DA XUNTANZA DOS CENTROS SOCIAS DE COMPOSTELA PERANTE O DESALOXO DO CSOA ESCÁRNIO E MALDIZER

Hai pouco máis de tres anos que abríu o CSOA Escarnio e Maldizer. Dende entón realizáronse alí unha gran cantidade de accións e actividades: obradoiros de teatro, serigrafía, música; aulas de adestramento deportivo, acroioga, Judo, boxeo, baile tradicional galego, pandeireta; unha infinidade de palestras sobre os máis diversos temas; feiras de tatuaxes, xornadas libertarias, presentacións de libros, revistas, proxectos e documentais; proxeccións de cine, representacións de teatro e artes escénicas variadas, recitais poéticos, concertos de música de tódolos estilos....... ademais de dispoñer dunha extensa biblioteca, dun taller de serigrafía e un taller artístico, e de ser o local de gran cantidade de colectivos que facían alí as súas asembleas e actividades.

Todo isto mantendo sempre uns principios básicos: funcionamento asembleario, toma de decisións por consenso, traballo voluntario sen ánimo de lucro, portas abertas, actividades sempre de balde, autoxestión, coidados mutuos, e un firme compromiso con tódalas causas sociais que defenden e procuran a liberdade.
O Escarnio converteuse nun eixo fundamental da vida de Compostela; Non poderíamos obviar as súas aportacións nos últimos tres anos. Os centos de persoas que por alí pasaron son testemuña disto.

Hai tamén uns seis anos que a empresa inmobiliaria A Rosaleda mercou o edificio da Algalia. Esta é unha construtora fraudulenta e especuladora. Unha empresa que non paga ás súas traballadoras nin ás súas provedoras. Unha empresa que é responsable de que moit@s albaneis, carpinteir@s, electricistas, fontaneir@s ou escaiolistas estean sen cobrar na rúa. Responsable de que estean na rúa tamén @s antig@s inquilin@s do edificio a quen expulsaron sen piedade das súas vivendas, ofertándolles unha mistura de ruínas e disparatados alugueiros.

O edificio que pouco tempo antes albergara á Asociación Cultural Cantigas e Agarimos apodrecía agora, baleiro e en desuso, abandono e ruína á espera dun pelotazo urbanístico colmase as ánsias especulativas da inmobiliaria A Rosaleda. Abandono e ruína financiados, por outra parte, cos cartos dos bancos rescatados polo Estado. Estafa xeralizada, a urbanística, para a que só as okupacións parecen solución. Directa ou indirectamente, o edificio da Algalia foi mercado cos cartos das xentes de Compostela. Así pois, que menos que ter o dereito a facer uso dese espazo?

Con este comunicado querémonos solidarizar coas nosas compañeiras. Dende hai un par de anos A Gentalha do Pichel, a Asociación Xuvenil Ítaca e o CSA do Sar vimos traballando conxuntamente co CSOA Escarnio e Maldizer: Antroidos, Magostos, Días das Letras, Xogos Populares e máis proxectos que tiñamos en mente. Afianzando e artellando rede. Somos centros sociais que desenvolvemos o noso traballo de xeito autoxestionado e con traballo voluntario, con liberdade e independencia, sendo honestas con nós mesmas e con vontade de difundir un activismo social e cultural participativo e non dirixista, sen licencias e un tipo de lecer alternativo ofrecido a todas aquelas persoas que desexan participar e facer parte con nós do proxectos e actividades. Por este tipo de filosofía e dinámicas din que as compañeiras do Escárnio som perigosas, criminais.
Somos Gentalha, somos Itaca e somos Sar. Se Escarnio é criminal, nós tamen o somos!
Dende a Xuntanza de Centros Sociais queremos manifestar o noso total apoio ao Escárnio; estamos con vós e apoiámosvos!

Solidarizámonos con vós e sentimos a vosa mesma raiba ao ver anos de traballo, esforzos, ilusións e soños decapitados de golpe entre bloques de formigón armado e pelotazos de goma.

Compartimos con vós o desexo de crear espazos liberados, nos que a xente se sinta cómoda e a gusto, libres da violencia cotiá que cada día nos esmaga. Lugares ceibes e rebeldes, onde a xente crea, vive e transforma superando esta realidade. Onde as persoas poden recuperarse a si mesmas coma persoas. Que papel, que absurdo réxime xurídico pode negar iso?

Condenamos radicalmente a bestial intervención da Policía, dos poderes públicos e a difamación e mentiras difundidas polos medios de comunicación lacaios do sistema. Todo o que podemos dicir sobre o acontecido a nivel represión e manipulación mediática fica curto á magnitude do dano causado.

Compañeir@s, seguiremos loitando, apoiando e traballando na construción de espazos de liberdade e de solidariedade. Seguiremos ocupando os corazóns da xente a golpe de autoxestión e retiraremos un a un cada bloque de formigón de cada xanela e porta para construír con eles proxectos tan dignos e valentes coma o CSOA Escárnio e Maldizer.

C.S. A Gentalha do Pichel - Asociacion Xuvenil Itaca - CSA do SAR

Comentários

Submeter um novo comentário

O conteúdo deste campo é privado e não irá ser exibido publicamente.
CAPTCHA
Esta pergunta serve para confirmar se és uma pessoa ou não e para prevenir publicaçãos automatizadas