[Estado Espanhol] Prisión preventiva para un dos detidos polo desaloxo da Insumisa

O xulgado que instrúe a causa ten que ratificar hoxe mércores a decisión do xulgado de garda, que determinou prisión para o rapaz detido.

Dúas persoas que participaron na protesta polo desaloxo do Centro Social Ocupado A Insumisa da Coruña foron detidas para prestar declaración nos Xulgados da cidade o pasado martes 19 de xuño. As causas, segundo o atestado policial, son "ameazas, desordes públicas e lesións". Antonio Vázquez, avogado dos encausados, confirma que hai un atestado policial con cinco persoas imputadas. "Delas, dúas foron detidas e prestaron declaración en presenza xudicial este martes 19. A unha impútaselle o delito de ameazas e á outra delitos de atentado, desorde público e lesións."

Logo de prestar declaración, a persoa imputada por ameazas foi posta en liberdade provisional, e para a outra, a xuíza ditaminou prisión preventiva sen fianza. “Estas decisións teñen que ser ratificadas o mércores 20 polo xuíz que leva o caso”, comenta o avogado, “xa que esta foi unha decisión do xulgado de garda, ao que non lle corresponde a instrución da causa”.

Os feitos aos que se refire a dilixencia aconteceron a última hora da mañá do mércores 23 de maio, contra as 13:30, momento no que ante o intento de entrar no espazo desaloxado por parte dos manifestantes, a Policía Local carga con dureza, tendo como resultado varias persoas feridas de diversa gravidade.

Este mércores pola mañá o expediente pasa ao xulgado, que pode manter as medidas cautelares, modificalas ou derrogalas. “Os avogados temos a opción de recorrer ante o xulgado e, se fose rexeitado, pódese facer un recurso de apelación fronte a Audiencia Provincial”, comenta Vázquez.

https://www.elsaltodiario.com

Comentários

Submeter um novo comentário

O conteúdo deste campo é privado e não irá ser exibido publicamente.
CAPTCHA
Esta pergunta serve para confirmar se és uma pessoa ou não e para prevenir publicaçãos automatizadas